Segundo os
datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) publicados no día de hoxe, no
pasado mes de febreiro Galicia rexistrou un incremento do seu volume de
viaxeiros do 6%, ata situarse nun total de 163.775. Así mesmo, as nosa
comunidade incrementou tamén neste segundo mes as súas pernoitas nun 3,2%,
contabilizando un total de 296.223.
A nivel estatal
melloraron os niveis de demanda regrada nunha porcentaxe similar á rexistrada
na nosa comunidade, aumentando un 5,9% os viaxeiros e un 3,4% as pernoitas.
Galicia sitúase así no ránking de viaxeiros nunha posición intermedia.
O mercado nacional incrementouse
nun 4,3% no que atinxe aos viaxeiros e nun 2,4% no tocante as pernoitas. Pola
súa parte, o mercado internacional creceu nun 7,9% no tocante ás pernoitas
mentres que os viaxeiros subiron un 18,6%. O número de viaxeiros internacionais
neste mes -22.029- supón a cifra máis alta nun mes de febreiro dende os últimos
anos. Deste xeito, o mercado internacional elevou o seu peso sobre o conxunto
da demanda en 0,65 puntos ata situarse no 14,9%.
No pasado
mes de febreiro, o 93,5% da demanda turística regrada correspondeu aos
establecementos hoteleiros, porcentaxe que inclúe tanto aos hoteis, que
representaron o 77,2%, como ás pensións, co 16,3% neste caso.
O 6,5%
restante situouse no segmento extrahoteleiro, porcentaxe que neste caso reúne
aos apartamentos turísticos, que representaron o 3,5% da demanda total, aos
cámpings, co 0,1%, e aos establecementos de turismo rural, que supuxeron o 2,8%
neste caso.
A mellora
dos niveis de demanda turística neste mes de febreiro produciuse tanto nos establecementos
hoteleiros como nos extrahoteleiros. No segmento hoteleiro o incremento situouse
no 1,4% mentres que no extrahoteleiro a mellora foi do 38,2% – porcentaxe que situouse
no 53,2% no caso dos apartamentos turísticos, no 24% nos cámpings e no 33,2% no
caso dos establecementos rurais. Destaca así o incremento rexistrado nos
apartamentos turísticos que presentaron neste segundo mes do ano o mellor
comportamento en termos relativos do conxunto da oferta regrada.