O gasto total do turismo internacional na Comunidade galega medrou o
pasado mes de febreiro un 5,2% en relación ao mesmo período do ano anterior,
segundo se desprende dos últimos datos que achega a enquisa EGATUR, do
Instituto de Turismo de España e que recolle achegas relativas ao gasto que
realizan en España os visitantes non residentes.
Segundo esta enquisa, o gasto total que realizaron os turistas estranxeiros
que visitaron Galicia en febreiro de 2015 supera os 36,7 millóns de euros. Este dato tan positivo é consecuencia dun maior volume de demanda, xa que
as pernoitas de estranxeiros en Galicia subiron un 12% o pasado mes.
Cabe tamén lembrar que o turismo internacional marcou en Galicia
un máximo histórico no mes de febreiro cun incremento de preto do 23%, ao
recibir a Comunidade galega máis de 53.000 turistas estranxeiros no pasado mes,
rexistrando un porcentaxe de crecemento moi superior ao observado a nivel
estatal. Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), tamén nos
dous primeiros meses do ano a nosa comunidade marcou un máximo histórico ao
recibir preto de 120.000 turistas estranxeiros.
No ámbito global e incluíndo a demanda nacional, Galicia rexistrou no
primeiro bimestre deste ano un incremento da súa cifra de viaxeiros aloxados
nos establecementos hoteleiros, do 7,9%, rexistrando máis de 290.000. En canto ao mes de febreiro, a comunidade galega rexistrou un crecemento
de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros do 4,6% superando os
154.000.
Subiron tamén no pasado mes as pernoitas rexistradas na comunidade galega
nun 1,4% ata acadar un total de 277.097. Deste xeito, por vez primeira dende o
ano 2008, as cifras de demanda hoteleira do mes de febreiro creceron en termos
interanuais.