A cidade de
Santiago de Compostela acollerá o próximo martes, 31 de marzo, a final do
certame De Tapas por Galicia, na que se decide cal é o mellor petisco da Comunidade.
Os gañadores dos concursos de tapas das sete grandes cidades galegas agrupados
na experiencia promovida no outono e inverno pasados por Turismo de Galicia, cociñarán
en directo as súas receitas ante preto de douscentos convidados en
representación dos sectores da gastronomía e o turismo de Galicia, así coma dos
concellos de orixe dos cociñeiros.
Esta gala constitúe
a primeira experiencia dun concurso de tapas de ámbito galego, promovida por
Turismo de Galicia para poñer en valor as rutas galegas de tapas e os pratos de
pequeno tamaño. O certame recoñecerá ao mellor cociñeiro ou cociñeira de entre
os sete gañadores dos concursos de tapas organizados en 2014 en Ferrol, A
Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra, Vigo, Lugo e Ourense.
Os
cociñeiros que optan ao Premio Mellor Cociñeiro De Tapas por Galicia son
Gonzalo Pérez (Frank, Ferrol); Moncho
Bargo (Spoom, A Coruña); Lucía Freitas e Nacho Tierno (A Tafona Casa de Xantar,
Santiago); Rubén González e Sergio Orge (El Cafetín, Pontevedra); Carles Lapuente,
(La Contenta, Vigo); Álvaro Villasante (Paprica, Lugo) e máis José Luis
Fernández (Tapa Negra, Ourense).
Ademais do Premio ao Mellor Cociñeiro entregaranse outras dúas distincións: o Premio Especial As Tapas Estrella Galicia, que entrega esta firma, copatrocinadora do certame, ao pincho que mellor maride coas cervexas que produce; e o Premio Especial do Público, que decidirán cinco dos asistentes ao evento escollidos aleatoriamente na propia gala mediante un sistema informático.