A directora de Turismo de Galicia participou esta mañá na
presentación de Aenotur, a Asociación Internacional de Enoturismo, que tivo lugar no Hostal dos Reis Católicos
en Santiago de Compostela. Segundo explicou Nava Castro, o turismo enolóxico
estase a converter así nun dos nosos principais produtos, xa que outorga unha
experiencia orixinal ao englobar unha infinidade de posibilidades para todos os
gustos e preferencias.
A responsable de Turismo destacou o traballo realizado dende
o departamento que dirixe a prol da activación e dinamización turística dos
territorios vinícolas galegos e a potenciación do enoturismo como un dos
principais reclamos de Galicia como destino.
Neste eido, a directora de Turismo de Galicia resaltou á
creación de novos produtos que enxalzan o mundo que rodea ao viño e permiten
descubrir o noso territorio enoturístico. Deste xeito, destacou produtos como
as Rutas dos Viños, que conforman un referente en canto á enogastronomía de
calidade; o tren turístico da Ruta dos Viños de Galicia, co que poden
percorrerse como en ningún outro lugar os territorios vinícolas; a aplicación
Enoturismo de Galicia, que pode descargarse nas bibliotecas ou app stores de
xeito gratuíto en galego, castelán e inglés: ou a campaña Viños e Camelias, que
combina dous produtos turísticos con enorme potencialidade e gran aceptación.
O malo é que logo as rutas do viño non funcionan, agás a Ruta dos Viños Rías Baixas e a Ruta dos Viños do Ribeiro.