Pazo de Oca |
No seu labor
de difusión internacional dos servizos e produtos turísticos galegos, Turismo
de Galicia programou esta semana a visita á comunidade galega de dous grupos de
operadores, un alemán e outro británico, para darlles a coñecer o produto Viños
e camelias. Ademais, entre os días 25 e 30 de marzo, o xornalista inglés John
Hale, do xornal The Times, percorrerá parte da comunidade galega para se
documentar na edición dunha reportaxe sobre Galicia para publicar neste medio
de comunicación.
John Hale
ten previsto centrar o seu traballo xornalístico na posibilidades que ofrece a
comunidade galega para realizar percorridos en tren e a oferta turística da
costa. O xornalista
de The Times chegou o pasado día 25 á Coruña e ten previsto visitar tamén Pontevedra,
Vigo e Baiona.
Por outra
parte, Turismo de Galicia, en colaboración coa Oficina de Turismo de España en
Frankfurt, promoveu unha viaxe colectiva de oito operadores turísticos alemáns que
están a coñecer o produto turístico Viños e camelias. A súa viaxe comezou o día
25 e remata mañá.
Os
operadores participantes nesta viaxe de familiarización son: Peninsular Tours,
SKR Reisen, Travel House, Studiousus Reisen, Olimar Reisen, Ruge Reisen, Ibero
torus e Leade Gartenreisen.
Ademais,
desde esta semana, un representante do operador turístico británico Ciceroni
Travel, xunto aos directores das oficinas deste axente turístico en España, realizaron
unha viaxe de prospección para coñecer in situ este produto turístico co
obxectivo de recadar información e incorporalo aos seus paquetes turísticos. Na
súa estadía visitaron varios pazos e adegas situadas no territorio da
Denominación de Orixe Protexida Rías Baixas.