Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas 2015,
adicado este ano á figura do escritor pontevedrés Xosé Filgueira Valverde, a
cooperativa leiteira quere sumarse a esta festividade cunha iniciativa
literaria de amplo percorrido, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política
Lingüística da Xunta de Galicia. Trátase da convocatoria da IV edición do
concurso de relatos breves a través da súa páxina oficial de Facebook.
A presentación tivo lugar esta mañá na Cidade da Cultura da
man do presidente de Feiraco, José Montes; do conselleiro de Cultura, Educación
e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; o presidente da Fundación
Filgueira Valverde, José Fernando Filgueira e do presidente da Real Academia
Galega, Xesús Alonso Montero.
A convocatoria, activa desde hoxe ata o vindeiro 17 de maio, está dirixida a todos aqueles seguidores de Feiraco en Facebook (que xa o sexan ou se fagan), que teñan máis de 18 anos, residan en calquera punto da xeografía española e teñan habilidades para a literatura en lingua galega. Os relatos deberán ser orixinais, o autor non terse presentado a ningún outro concurso de idéntica índole e non deberán superar os 500 caracteres de extensión.