Turismo de Galicia continúa a promover a
oferta turística da comunidade galega no ámbito internacional, neste caso coa organización
de dúas viaxes de familiarización nas que participan dous xornalistas chineses
e outro procedente de Alemaña.
Na primeira destas viaxes, organizada en
colaboración coa Oficina de Turismo de España en Guangzhou e o Instituto
Español de Comercio Exterior, ICEX, dous xornalistas procedentes da provincia
chinesa de Cantón, visitan as Rías Baixas e varias empresas de produtos
relacionados co mar así como unha adega da Denominación de Orixe Protexida Rías
Baixas.
Na súa estadía na comunidade
galega, os xornalistas chineses achegáronse á empresa produtora de
algas Portomuiños, a adega Pazó de
Señoráns, a sede do Consello Regulador
do Mexillón de Galicia e unha fábrica
de conservas en Cambados, antes de rendir unha completa visita ao porto de Vigo.
Pola súa parte, o xornalista procedente de
Alemaña Juan Ramón García, realizará un percorrido en bicicleta polo Camiño do
Norte na Mariña Luguesa. Ademais visitará a cidade de Santiago de Compostela,
nunha viaxe organizada tamén por Turismo de Galicia.
Este xornalista alemán realizará
as etapas do Camiño do Norte comprendidas entre Ribadeo e Mondoñedo,
Mondoñedo-Vilalba e Arzúa-Santiago de Compostela. Juan Ramón García contará a súa experiencia en
Galicia nunha reportaxe na revista Ecos de España que se edita en Alemaña para
os alemáns interesados na cultura e a lingua españolas.