Segundo os
datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) publicados no día de hoxe, no
pasado mes de marzo Galicia rexistrou un incremento da cifra de viaxeiros
aloxados nos establecementos hoteleiros do 23,4%, o crecemento máis elevado neste
mes de marzo dos últimos 12 anos. Así os hoteis da nosa comunidade recibiron no
terceiro mes do ano a un total de 214.101 viaxeiros. Subiron tamén en marzo as
pernoitas rexistradas en Galicia nun 15,1% neste caso, ata acadar 400.410.
A nivel
estatal obsérvase tamén un comportamento positivo da demanda hoteleira, con
melloras tanto da cifra de viaxeiros aloxados coma das pernoitas que
incrementáronse un 6,3% e 2,4% respectivamente. Deste xeito, Galicia, xunto a
Asturias, liderou en marzo o crecemento de viaxeiros aloxados a nivel estatal.
En termos de
mercado, Galicia incrementou o turismo nacional neste mes de marzo, tanto o interno
nun 5,2% como o receptor nacional nun 19,5% no relativo as pernoitas. En canto aos viaxeiros residentes en Galicia
subiron nun 8,6% e os procedentes do resto do Estado nun 31%. Así mesmo, o
turismo internacional tamén incrementou a súa cifra de viaxeiros aloxados nun
41% e as súas pernoitas nun 29%. Este incremento elevou o peso do turismo
internacional situándoo en marzo no 17%, cifra que supón un máximo histórico na
nosa comunidade neste mes.