A industria
conserveira galega facturou o ano pasado máis de 1.266 millóns de euros e
supuxo o mantemento de máis de 12.000 empregos directos, segundo senalou a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, na inauguración do XVI Congreso da Asociación Española de Codificación Comercial (AECOC) de Produtos do Mar.
Estas cifras poñen de manifesto o potencial que ten Galicia no sector da transformación, que se suma ao da
actividade pesqueira, marisqueira e acuícola. Así, a industria conserveira representou -no ano 2014- preto do 3% do
PIB de Galicia ao alcanzar unha produción próxima ás 300.000 toneladas, cifra
equivalente ao 86% da produción total española.
No tocante á acuicultura mariña, Rosa Quintana
destacou que este sector elevou as súas cifras ata os 246 millóns de quilos das
distintas especies que se cultivan, xerando un valor económico próximo aos 172
millóns de euros. Neste caso o mexillón ocupa o primeiro
posto xa que representa o máis do 95% do total da produción e preto do 60% da
facturación.