Axudas á apicultura

Un total de 14 beneficiarios recibiron a aprobación deste ano 2015 en Galicia, das axudas para o fomento das actividades destinadas a mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura. O orzamento para estas subvencións ascendeu nesta convocatoria a 400.000 euros, cofinanciado nun 50% polo FEAGA da Unión Europea, nun 25% polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e nun 25% pola Consellería do Medio Rural e do Mar.

Os beneficiarios destas axudas son os titulares de explotacións apícolas ou cooperativas dedicadas a esta actividade, organizacións representativas e asociacións de apicultores inscritos no rexistro oficial apícola da Comunidade Autónoma con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2014. Entre os gastos subvencionables figuran actuacións como a asistencia técnica aos apicultores, a loita contra a varroase ou a racionalización da transhumancia.

Esta convocatoria enmarcouse no programa de mellora da produción e comercialización dos produtos da apicultura aprobado pola Comisión Europea en 2013, con vixencia ata o ano 2016. No contexto deste plan establécese un réxime de axudas destinadas a mellorar esta produción, con participación financeira da propia UE, do Estado membro e da Xunta de Galicia.