Un total de 372 proxectos promovidos polos
Grupos de Acción Costeira (GAC) recibiron axudas por importe de preto de 20
millóns de euros desde a primeira convocatoria deste tipo de subvencións. Así o
destacou a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, na presentación
da campaña de promoción turístico-gastronómica “Come o Mar 2015”, que tivo
lugar este mediodía en Santiago.
Rosa Quintana destacou o traballo desenvolvido
polos GAC para dinamizar e potenciar as comunidades pesqueiras por medio da
gastronomía e do turismo mariñeiro, unha actividade na que –sinalou– Galicia é
pioneira. Dixo tamén que esta iniciativa de turismo recibe o apoio “con
entusiasmo” por parte da Xunta, “pois sabemos que apostar por el é apostar polo
futuro, a innovación e, sobre todo, polo emprego”.
Nesta mesma liña, a conselleira salientou que
nesta campaña participan todos os GAC de Galicia, demostrando que “xuntos
traballamos mellor que separados”, algo que “é unha demostración máis do que
hai tempo vimos defendendo”, engadiu.
Rosa Quintana, que estivo acompañada pola
directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e pola
directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, fixo fincapé tamén en que con
esta campaña vanse levar a cabo un total de 700 actividades diferentes de
gastronomía e lecer. Estes eventos, vinculados ao mar e á cultura e turismo
mariñeiros, desenvolverase dende hoxe e de xeito continuado ata o vindeiro día
30 de xuño.