O mexillón galego representa o 95% da produción estatal, con 3.300 bateas repartidas polas nosas rías. Estes datos foron expostos pola conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa
Quintana, na inauguración da Asemblea xeral anual da
Federación Europea de Acuicultores (FEAP).
Rosa Quintana sinalou que “Galicia non é nin
quere ser allea ao crecemento do sector da acuicultura, xa que podemos presumir
de parques de cultivo, granxas e criadeiros”. Engadiu que o potencial de
expansión é cada vez maior na Comunidade e que o seu departamento aposta decididamente
por esta actividade.
Mostra disto, explicou, é a elaboración da Estratexia
Galega de Acuicultura, que establece a dirección e desenvolvemento desta
actividade, e que converte a Galicia na primeira rexión europea en contar con
este tipo de instrumento legal. A conselleira avanzou que en breve iniciarase o
trámite parlamentario da Lei Galega de Acuicultura, a cal regulará todos os
aspectos fundamentais tales como as posibles localizacións ou o sistema de
obtención de permisos.
A titular de Medio Rural e Mar asegurou que o
Goberno autonómico pretende seguir desenvolvendo unha acuicultura integrada e
sostible no ambiente, respectando o contorno. Así, lembrou que se elaborou o
Plan de Acuicultura do Litoral, que contempla precisamente as condicións para a
implantación destas actividades con criterios de eficiencia, sustentabilidade e
calidade ambiental e paisaxística.