Medra o gasto do turismo internacional en Galicia

O gasto total do turismo internacional na comunidade galega medrou o pasado mes de abril un 17,2% en relación ao mesmo mes do ano anterior, segundo os últimos datos da enquisa EGATUR, do Instituto de Turismo de España, que recolle as cifras relativas ao gasto que realizan en Galicia os visitantes non residentes no noso país.

Segundo esta enquisa, o gasto total que realizaron os turistas estranxeiros que visitaron Galicia neste abril de 2015 foi de 52.457.031 millóns de euros. Galicia presenta así o cuarto maior incremento a nivel estatal, só por detrás das comunidades de Castela e León, País Vasco e Madrid.

Estes datos son consecuencia do incremento do volume da demanda do turismo internacional rexistrado nos establecementos hoteleiros da comunidade no pasado mes de abril, que creceu nun 16,5%. Neste ámbito, cabe lembrar, que o turismo internacional marcou en Galicia un máximo histórico no mes de abril tanto dos viaxeiros, con 81.636, como das pernoitas, con 124.750, rexistradas nos establecementos hoteleiros da comunidade.

Este turismo internacional acadou, ademais, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), neste cuarto mes do ano 2015, cifras históricas no peso do conxunto da demanda, ao supoñer o 27,8% dos viaxeiros e o 23,4% das pernoitas.