A Xunta de Galicia, na súa aposta pola internacionalización do tecido empresarial como un dos piares do crecemento económico, segue a desenvolver diferentes programas de impulso para facilitar a saída ao exterior das empresas galegas. Neste sentido, o Consello da Xunta avaliou hoxe o Plan de promoción internacional dos viños e licores galegos que, amparado polas diferentes denominacións de orixe, impulsará a Consellería de Economía e Industria durante os dous próximos anos.
A estratexia, na cal participan as denominacións de orixe Rías Baixas, Ribeiro, Ribeira Sacra, Monterrei, Valdeorras e Augardentes e Licores de Galicia, centrarase de inicio no mercado alemán, e está aberta a novas accións noutros países no ano 2016.
O plan aspira a triplicar as exportacións das adegas galegas ao mercado alemán, que en 2014 supuxeron máis de 600.000 litros por un valor de 2,8 millóns. Ao abeiro da marca Galicia Calidade, desenvolveranse distintas accións promocionais para destacar as vantaxes competitivas e diferenciais dos viños galegos.