Quince estudantes galegos FP participan nas olimpíadas nacionais de Formación Profesional, Spainskills 2015,

Un total de 15 alumnas e alumnos galegos participan desde hoxe ata o 9 de maio nas olimpíadas nacionais de Formación Profesional, Spainskills 2015, que se celebran no recinto feiral IFEMA, en Madrid. Nesta edición Galicia participa en 14 das ‘skills’ (destrezas) en competición, para o que o alumnado estará acompañado polos seus respectivos profesores, responsables de preparalos nestes últimos meses para a súa presenza nas olimpíadas. As alumnas e alumnos que toman parte neste certame foron os gañadores de medallas de ouro nas GaliciaSkills, organizadas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación  Universitaria.

Os estudantes participantes proceden de 11 centros educativos, en concreto os CIFP Someso, Compostela, Ferrolterra, A Granxa e Rodolfo Ucha Piñeiro; e dos IES Politécnico de Vigo, As Mariñas, Fermín Bouza Brey, de Ortigueira, de Teis, e de Vilamarín. As ‘skills’ nas que compiten son Fresado, Soldadura, Reparación de carrozaría de vehículos, Control industrial, Ebanistería, Carpintería, Peiteado, Pastelaría, Tecnoloxía do automóbil, Cociña, Servizo de restaurante e bar, Pintura de vehículos, Xardinería paisaxística e Administración de sistemas en rede.


As competicións comezan hoxe e rematarán o día 8, para pechar o evento o día 9 coa entrega de medallas. Cómpre lembrar que o alumnado galego ten rexistrado amplos éxitos tanto nas Spainskills como nas WorldSkills, mostra da profesionalidade e cualificacións dos docentes dos centros de ensino da nosa Comunidade Autónoma.