Turismo de Galicia, en colaboración coa Axencia para a
Modernización Tecnolóxica (Amtega), pon en marcha a renovación tecnolóxica do
Rexistro de Establecementos de Actividades Turísticas
(REAT) que permitirá un traballo máis áxil e flexible. Así, despois de case un ano de traballo, unha
das iniciativas fundamentais do Plan Smart Turismo será unha realidade, de xeito que nos
próximos días levarase a cabo o traspaso de datos ao este novo sistema, o
RITGA, para que empece a funcionar en produción, xa con novas pantallas e
utilidades.
Durante esta fase, seguiranse implementando
melloras pero xa sobre os datos reais e o traballo realizado polo persoal de
Turismo de Galicia. A actualización e mellora de utilidades do
rexistro permitirá ofrecer datos para outras aplicacións e utilidades de
Turismo de Galicia e unificará as bases de datos de recursos, conseguindo un
único rexistro máis áxil e fiable.
O Plan Smart
Turismo ten como obxectivo o impulso da
modernización e da competitividade do sector turístico galego a través das TIC e abarca
o desenvolvemento de catro eixos prioritarios: modernizar as infraestruturas
tecnolóxicas do turismo de Galicia; aproveitar as tecnoloxías para a promoción,
a comercialización e a fidelización dos viaxeiros; fomentar a innovación no
sector; e potenciar o Camiño de Santiago.