Un cento de importadores danse cita en Vinis Terrae

O sector vitícola galego comercializou o ano pasado máis de 35 millóns de litros de viño, augardente e licor. Así o destacou esta mañá o secretario xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, na inauguración da VI edición do Salón do Viño e Licores Galegos de Calidade-Vinis Terrae.

O salón Vinis Terrae celébrase en Expourense hoxe e mañá. Neste encontro pequenas e medianas adegas adscritas ás denominacións de orixe Ribeiro, Ribeira Sacra, Monterrei, Valdeorras, Rías Baixas, e Aguardentes e licores Tradicionais de Galicia exporán as calidades dos seus produtos. 

Esta edición da feira contará coa presenza de preto dun cento de importadores e compradores de 19 países que terán a oportunidade de coñecer as últimas anadas das 80 adegas adscritas ás cinco D.O. galegas.


Vinis Terrae busca facilitar a comunicación entre os produtores galegos e os comercializadores españois e internacionais co fin de que acaden acordos comerciais que lles permitan situar os viños e licores nos seus mercados.