Valdeorras, de portas abertas

A IV edición das Xornadas de Portas Abertas das Rutas do Viño de Galicia, que organiza a Axencia de Turismo de Galicia (antiga Turgalicia), celebrase na comarca de Valdeorras os días 30 e 31 de maio. 11 adegas, tres aloxamentos e catro restaurantes pertencentes á Ruta do Viño valdeorresa uníronse para non deixar pasar a ocasión de promocionarse dentro destas xornadas nas que a base son as visitas gratuítas ás adegas e ás que se lles engadiu o transporte tamén de balde. Este ano aumentáronse o número de minibuses para que se poidan unir máis visitantes a coñecer as adegas. As reservas poden facerse chamando ao 619086326 ou enviando un correo a valdeorrasesvino@gmail.com.

Ademais haberá a segunda festa de portas abertas o día 30 pola noite,  con venta especial de viño á beira do río Sil, no Barco coa colaboración do concello e como novidade a actuación do grupo valdeorrés de música tradicional: Tornaxeira. Este ano engádese unha nova actividade ás Xornadas: un sorteo de comidas que estará activo durante toda a fin de semana entre os que degusten os menús especiais. As actividades están organizadas entre Turismo de Galicia e o colectivo Somos Valdeorras, portas abertas  formado por membros da Ruta do Viño de Valdeorras e a guía enoturística, Soledad Figueroa.