O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) vén de conceder os Premios Galicia de Alimentación 2015 nunha gala presidida polo conselleiro de Economía e Industria da Xunta e celebrada esta mañá na Cidade da Cultura de Santiago. A Liña de Cociña de Mercado Infantil de Conservas Calvo, na categoría de produto innovador; a especialista en busca de novas materias primas do mar galego Portomuiños, na categoría de proxecto empresarial do ano; e o Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas na categoría de internacionalización, foron os afortunados este ano.
Previa cerimonia, o Clúster Alimentario de Galicia organizou a súa asemblea xeral anual na que puido congratularse, ante os máis de 100 socios asistentes, pola boa marcha do seu Plan Estratéxico 2011-2015, que xira arredor de cinco eixes clave: o impulso da I+D e da capacidade innovadora; a mellora da produtividade, procesos e sustentabilidade; a mellora da comercialización e acceso a novos mercados; o fomento da cooperación e do traballo en rede e a dinamización, consolidación e visibilidade do
Clúster.
Tamén se produce o relevo de José Luis Antuña na presidencia, que ostentaba desde a Fundación do Clúster en 2010, unha vez culminado o plan estratéxico 2011 – 2015, que orientou os programas do clúster neste período inicial. A Asemblea Xeral elixiu a Juan Vázquez Gancedo, ata agora vicepresidente do clúster.