Galicia rexistra en maio un incremento na ocupación hoteleira

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), no pasado mes de maio Galicia experimentou un incremento da cifra de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros do 8,2%, rexistrando un total de 371.127, cifra que marca un máximo histórico na nosa comunidade e supera nun 4,9% o dato do último ano Santo 2010.

Subiron tamén neste pasado mes de maio as pernoitas rexistradas en Galicia, nun 3,9% neste caso, ata acadar un total de 629.198, a cifra máis elevada dos últimos cinco anos. É o terceiro ano consecutivo no que  Galicia rexistra unha mellora dos niveis de demanda hoteleira no mes de maio.

A nivel estatal rexistrouse tamén un comportamento positivo da demanda hoteleira, con melloras tanto da cifra de viaxeiros aloxados coma das pernoitas que incrementáronse un 6,7% e un 5% respectivamente.

En termos de mercado, Galicia incrementou o seu turismo nacional neste mes de maio, tanto o interno, cun crecemento de viaxeiros do 2,3%, como o receptor nacional, que subiu nun 6,3% neste caso.

Galicia incrementou o seu turismo internacional nun 4,5% acadando neste quinto mes do ano un máximo histórico de volume –tanto de viaxeiros aloxados con máis de 150.000 como de pernoitas con preto de 210.000- así como de peso no conxunto da demanda –supoñendo o 40,8% dos viaxeiros e o 33,4% das pernoitas-.

En canto aos niveis de ocupación do sector hoteleiro, Galicia rexistrou tamén unha mellora en relación ao pasado ano, ao incrementarse 1,7 puntos porcentuais, situándose na cifra máis elevada dos últimos cinco anos. Tamén as tarifas hoteleiras en Galicia subiron neste quinto mes do ano, un 4,4%.

A mellora dos niveis de demanda e ocupación neste mes de maio, acontecida nun contexto de suba dos prezos hoteleiros, permitiu aos establecementos hoteleiros da comunidade incrementar os niveis de rendibilidade en relación ao mesmo mes de 2014 –o RevPAR subiu un 11,6%.