O gasto total do turismo internacional na comunidade galega medrou o
pasado mes de maio un 36% en relación ao mesmo mes do ano anterior, segundo os
últimos datos da enquisa EGATUR, do Instituto de Turismo de España, que recolle
as cifras relativas ao gasto que realizan en Galicia os visitantes non
residentes no noso país.Galicia presenta así o cuarto maior incremento a nivel estatal, so por
detrás das comunidades de Aragón, Castela e León e País Vasco.
Segundo esta enquisa, o gasto total que realizaron os turistas
estranxeiros que visitaron Galicia neste maio de 2015 foi de 101.160.998 euros. O gasto medio por persoa tamén creceu no quinto mes deste ano cunha suba
do 13%, superando os 1.000 euros.
Estes datos tan positivos son consecuencia do incremento do volume de
turistas internacionais rexistrado na nosa comunidade, que creceron un 20%
neste mes. En canto ao acumulado do ano, tamén incrementouse o gasto total do
turismo internacional en Galicia, cunha suba neste caso do 5,2%, en relación ao
mesmo período do pasado ano e preto de 300 millóns de euros.