A directora de Turismo de Galicia, Nava
Castro, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, asinaron un
acordo de colaboración entre os dous departamentos que dirixen co obxectivo de
promover o deporte da vela na Comunidade galega a través da celebración da
‘Liga de monotipos J70/J80 Xunta de Galicia’ que se desenvolverá entre os meses
de setembro e decembro en todo o litoral galego e que contará coa participación
de oito clubs náuticos galegos coa posibilidade de que se adhira algunha outra
destas institucións antes de comezar a primeira proba.
Neste acto de sinatura, no que tamén
participaron o presidente da Asociación de Clubs Náuticos de Galicia-ASNAUGA, Javier Ruíz de
Cortazar, e o presidente da Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde,
estiveron presentes os responsables das instalacións náuticas que colaborarán
con esta iniciativa: Monte Real Club de Iates de Baiona, Real Club Náutico da
Coruña, Real Club Náutico de Portosín, Real Club Náutico de Ribadeo, Real Club
Náutico de Sanxenxo, Real Club Náutico de Vigo e o Club Marítimo de Canido.
Polo que respecta ao desenvolvemento da proba,
a liga contará con máis de dez regatas co obxectivo de desestacionalizar o
deporte da vela en Galicia e favorecer a súa práctica ao longo de todo o ano.