Empresas turísticas coruñesas súmanse ao Sistema Arbitral de Consumo

A Delegación Territorial da Xunta de Galicia na Coruña acolleu esta mañá a entrega dos distintivos do Sistema Arbitral de Consumo ás empresas turísticas da cidade adheridas, nun acto que contou coa participación da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a xerente do Instituto Galego de Consumo, María Jesús Muñoz, a delegada territorial da Xunta en A Coruña, Belén do Campo, e o secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López.

Un total de 86 empresas coruñesas recibiron este distintivo oficial que informa da súa adhesión ao sistema de arbitraxe e que poderán exhibir tanto nas dependencias en que desenvolven as súas actividades cara ao público coma nas súas comunicacións comerciais.

O sistema arbitral de Consumo constitúe un instrumento que pon á disposición da cidadanía unha solución eficaz e rápida para resolver os conflitos e reclamacións que xorden nas relacións de consumo. Este sistema arbitral configúrase no sector turístico como un sistema extraxudicial de resolución de conflitos entre os consumidores e usuarios e as empresas turísticas.


Mediante este sistema pioneiro resólvense as reclamacións, sen prexuízo da competencia da Administración turística para incoar o oportuno expediente sancionador se os feitos transcenden do ámbito persoal e teñen relevancia para o sector turístico. Deste xeito, as empresas e os consumidores e usuarios dispoñen no sector turístico dunha vía de canalización e resposta máis rápida, áxil e directa, respecto das súas controversias no ámbito turístico.