Expourense co municipio de Mondim de Basto

Desde que se iniciara un marco xeral de cooperación establecido entre Expourense e Turismo Porto e Norte de Portugal, ambas entidades continúan traballando para materializar contactos entre a Fundación ourensá e os municipios do norte luso, co fin de executar proxectos concretos e fomentar a promoción dos eventos internacionais de Turismo como é o caso de Termatalia e Xantar. 

Así, un paso máis foi a sinatura dun convenio de colaboración e promoción mutua coa cámara municipal de Mondim de Basto, ubicada no distrito de Vila Real. A sinatura deste convenio tivo lugar no marco do acto inaugural da 13ª edición da "Feira da Terra” que se celebra ata este domingo nesta localidade. Os autores da mesma foron o presidente da Cámara Municipal de Mondim de Basto, Humberto da Costa Cerqueira e o director xerente de Expourense, Alejandro Rubín Carballo.

A presenza de Expourense, que participou acompañada por unha delegación de medios de comunicación galegos e portugueses, serviu para reforzar unha alianza que está a dar bos resultados como puido verse na última edición de Xantar, durante a que esta rexión Norte de Portugal foi unha das protagonistas cunha presenza importante de expositores e visitantes e na que Mondim de Basto participou activamente por primeira vez como expositor, relizando ademais un showccoking de “Carne Maronesa e Milhos Ricos”, preparado pola Adega 7 Condes, e cunha cata de Viños Verdes da Casa Santa Eulália.