Narón achega a Lugo Pemento do Couto e o Tomate Negro de Santiago

Co fin de achegar aos profesionais da gastronomía e ao público en xeral as cualidades excepcionais do Pemento do Couto e o Tomate Negro de Santiago, dúas hortalizas que se cultivan no agro naronés (A Coruña), o Concello de Narón en colaboración coa D.O. Ribeiro, a Cooperativa do Campo Galego O Val- Narón e Mercaval celebran este xoves, 23 de xullo ás 13.15 horas unha presentación gastronómica no emblemático restaurante lucense “Paprica”, propiedade do cociñeiro Álvaro Villasante, tamén integrante do Grupo Nove.

No acto, no que estarán presentes o concelleiro de Promoción Económica de Narón, Pablo Villamar, e o presidente da Cooperativa do Campo Galego O Val-Narón, entidade que aglutina aos produtores que cultivan estas hortalizas, ademais de outras autoridades, o chef Álvaro Villasante amosará o uso do Pemento do Couto e o Tomate Negro de Santiago como ingredientes exclusivos da cociña tradicional e de vangarda cunha demostración culinaria e posterior degustación na que preparará pratos elaborados con estes dous produtos, coincidindo coas xornadas “Horta de Narón” que se celebrarán no mes de  agosto neste concello da comarca de Ferrolterra.

O Pemento do Couto e o Tomate Negro de Santiago son dous produtos locais de gran calidade que actualmente cultiva e comercializa a Cooperativa do Val, na súa aposta pola recuperación e posta en valor de variedades autóctonas.


A Cooperativa produce desde hai anos o Pemento do Couto, unha hortaliza xa consolidada na mercado, que conta coa Indicación Xeográfica Protexida e que se caracteriza polo seu excelente sabor e propiedades, entre elas, a súa docura e que non pica.