Ponlle as pilas ao teu bocata é unha iniciativa que pretende
promover o consumo de conservas na dieta dos máis cativos, achegándoas ao seu
mundo dun xeito ameno e aumentando o seu coñecemento e interese por este
produto. Está promovida pola Consellería de Medio Rural e do Mar en colaboración
con ANFACO-CECOPESCA que se leva desenvolvendo dende o ano 2010 e neste período
chegou a máis de 40.000 nenos de todo o territorio galego.
As previsións indican que outros 11.000 rapaces participarán
nos obradoiros ao longo dos meses de xullo e agosto deste ano, que se
complementarán con excursións a zonas costeiras e visitas a museos.
Nos obradoiros, os nenos coñecen máis sobre os valores
nutritivos das conservas, así coma as súas distintas formas de presentación.
Realízanse tamén actividades de elaboración de bocadillos de conservas nas que
se busca a súa maridaxe con produtos da terra. Ao remate, os asistentes reciben
uns agasallos de promoción, entre os que se inclúe un pequeno receitario.
A campaña pretende ter unha continuidade máis aló dos
talleres a través dunha unidade didáctica dirixida a etapas de primaria que ten
como finalidade fomentar unha alimentación sa e equilibrada. Por outra banda,
os rapaces tamén teñen acceso a unha páxina web
(http://www.ponlleaspilasaoteubocata.xunta.es/ ) con contidos exclusivos, receitas e xogos.