O
Concello de Lugo mantén aberto o prazo de presentación de ofertas para instalar
casetas e caldeiros do polbo durante as Festas do San Froilán. Os interesados
poden presentar as súas propostas, ben na Oficina de Rexistro do Concello ou
por correo postal.
Polo
acordo da Xunta de Goberno Local do pasado 15 de xullo, aprobáronse as bases
técnicas, o prego de cláusulas administrativas particulares, así como o
procedemento aberto de adxudicación para a autorización da instalación de
casetas e caldeiros do polbo durante as festas do San Froilán 2015. Haberá
catro casetas, en vez de cinco, como o ano pasado, polo que quedará máis espazo
libre no entorno do Parque de Rosalía para poder aparcar ou para o propio
funcionamento das casetas.
Por
medio do anuncio, que foi publicado o xoves pasado no Boletín Oficial da
Provincia, deuse a coñecer a licitación e a data límite de presentación de
ofertas, que será de trinta días hábiles contados dende a súa publicación.
Os prezos de saída
para as casetas son os seguintes: 18.400 euros, para a número 1; 17.200 euros,
para a 2; 16.100 euros, para a 3; e 15.000 euros, para 4. En canto aos dos
caldeiros: 11.500 euros para o número 1; 10.300 euros para o 2; 9.200 euros
para o 3; e 8.200, para o 4. Os prezos establecéronse en función da proximidade
ao recinto feiral. Todos os postos deberán ter visibles os prezos.
A
obtención de documentación e información pode facerse no Servizo de
Contratación, Patrimonio e Fomento, sito na Ronda da Muralla, 197; ou na páxina
web www.lugo.gal