Desnai turístico en xullo

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) publicados no día de hoxe, no pasado mes de xullo Galicia experimentou un incremento do 21,1% na cifra de viaxeiros aloxados nos establecementos hoteleiros, rexistrando un total de 561.189, e do 16,8% no caso das pernoitas, rexistrando preto de 1,1 millóns neste sétimo mes do ano. Estas cifras permitiron que a nosa Comunidade acadase un máximo histórico tanto no que atinxe ao volume de viaxeiros aloxados como ás pernoitas.

A nivel estatal rexistrouse tamén un comportamento positivo da demanda hoteleira, con melloras tanto da cifra de viaxeiros aloxados coma das pernoitas que incrementáronse un 7,2% e un 5,9% respectivamente.

Galicia foi a comunidade autónoma que rexistrou a taxa de crecemento de viaxeiros máis elevada do conxunto do Estado, superando en máis de catro puntos o dato de Asturias, segunda comunidade do ránking.

En termos de mercado, o turismo interno da Comunidade -correspondente ao dos residentes en Galicia- incrementou nun 15,9% a cifra de viaxeiros aloxados e nun 12,0% as súas pernoitas. Grazas a estes incrementos, Galicia recuperou o pasado mes de xullo os niveis de turismo interno dos anos previos á crise.

O turismo receptor nacional -aquel que se corresponde cos españois procedentes doutras comunidades autónomas- subiu tamén de forma notable neste mes de xullo, rexistrando un aumento dun 17,2% nas pernoitas e dun 21,4% na cifra de viaxeiros aloxados, acadando un máximo histórico con preto de 285.000.

Pola súa parte, o turismo internacional continuou a senda de crecemento rexistrada nos últimos anos, acadando no pasado mes de xullo máximos históricos tanto de volume -con máis de 150.000 viaxeiros aloxados e 240.000 pernoitas- como de peso dentro da estrutura da demanda –representando o 27,4% do total de viaxeiros e o 22,1% das pernoitas-.