Elena Candía anuncia medidas urxentes para corrixir deficiencias nas rutas fluviais da ribeira sacra
A presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, anunciou hoxe na súa visita á Ribeira Sacra a posta en marcha dun plan pensado para acometer accións nun prazo curto de tempo e responder de xeito inmediato ás necesidades máis acusadas que se presentan na oferta das rutas fluviais en catamarán polos ríos Miño e Sil.
Neste senso, Candia citou un amplo paquete de medidas que permitirán corrixir deficiencias nas rutas fluviais e que xa está a desenvolver o Goberno provincial. En concreto, a presidenta da institución referiu, entre outras accións, a mellora no sistema de pago de catamaráns, a ampliación do horario de reservas, a dotación de puntos de información de venda física en Belesar e Doade, así como a implantación de audioguías en varios idiomas.
Candia matizou que é necesario ter en conta que “a época do ano na que nos atopamos e coincidindo co ecuador da tempada turística por excelencia, dificulta a inmediatez dos cambios, pero estase a avanzar coa maior premura posible para acometer as intervencións máis urxentes e setembro será o mes no que todas as xestións iniciadas poderán comezar a materializarse”.
A presidenta engadiu que o servizo de rutas de catamarán funciona de xeito “deficiente” e xa dende a oposición foi un dos principais obxectivos no que nos centramos “requirindo actuacións a través dos medios dos que dispuñamos e agora con responsabilidades de goberno estamos a traballar para melloralo de maneira inmediata” e, deste xeito, engade a popular, “intervir sobre as súas instalacións e a súa operatividade” dado o elevado número de deficiencias observadas e queixas recollidas nos últimos anos.
Algunhas das accións máis inmediatas enmarcadas no plan:
- Mellora no sistema de pago dos catamaráns. Os usuarios denunciaban problemas á hora de completar a reserva utilizando como medio de pago a tarxeta de crédito a través da web lugoterra.com, a maiores de que se daban incidencias cando os funcionarios recollían as reservas. Candia explicou que xa se actuou sobre esta deficiencia e que só está pendente a revisión do TPV para ampliar a tipoloxía das tarxetas que se poden empregar.
- Ampliación do horario de reservas. A atención telefónica co anterior goberno limitábase a un horario de maña (8:30 a 14:30 horas) e de luns a venres. Ampliarase, nun prazo máximo de quince días, o horario de atención telefónica ata ás 19:00 horas e tamén durante as fins de semana.
- Habilitar espazos de información, reserva e venda nos pantaláns de Belesar e Doade. Ningún dos dous embarcadoiros dispón na actualidade dun punto de referencia para a atención aos pasaxeiros. Estase a traballar na delimitación dun espazo nos dous embarcadoiros nos que se habilitará un punto de atención en condicións axeitadas tanto para o persoal como para o público, cunha imaxe corporativa da área de Turismo. Tamén se dotará ao persoal de tablets ou terminais aptos para a consulta e xestión das reservas en tempo real e doutros materiais e mobiliario acorde. Amplíase deste xeito o horario e canles de atención potencial ao usuario.
- Audioguías. Durante anos os guías empregaban só o galego nas súas explicacións, cando a meirande parte dos usuarios non son de Galicia. Non é suficiente o emprego do galego e do castelán, polo que se dotará ás embarcacións de audioguías en varios idiomas, entre eles inglés, portugués, francés e alemán. Solicitouse aos guías un discurso consensuado nas rutas de Doade e Belesar e estase a tramitar o pedido dos dispositivos.
- Novas tarifas e gratuidades. Traballase xa nunha ordenanza con novas tarifas que teñan en conta a realidade dos turistas que visitan a Ribeira Sacara (persoas con discapacidade, grupos…).
Estas son algunhas das accións máis inmediatas e que poderán estar en funcionamento no prazo dun mes. A maiores, no paquete de medidas inclúense outras iniciativas nas que se está a traballar como é o replantexamento da duración e do deseño dos itinerarios.