A Xunta destina este ano un total de 241.000
euros en axudas para o fomento das razas autóctonas gandeiras galegas, entre
elas o porco celta. Así o destacou a conselleira do Medio Rural e do
Mar, Rosa Quintana, na Festa
Gastronómica do Porco Celta celebrada no concello coruñés de Porto do Son.
Estas achegas teñen como
finalidade contribuír ao aumento da rendibilidade das explotacións gandeiras e
á modernización do sector gandeiro galego en materia de xenética, sanidade e
produción animal. Tamén pretenden mellorar a eficiencia dos sistemas produtivos
agrarios e das calidades nas súas producións e favorecer a optimización na
utilización das oportunidades e recursos dispoñibles.
Poden acollerse a estas axudas as Organizacións
ou asociacións de criadores das razas autóctonas galegas, recoñecidas pola
Comunidade Autónoma que cumpran, entre outros
requisitos o de carecer de ánimo de lucro e de estar oficialmente recoñecidas
para a xestión do Libro ou Libros Xenealóxicos da raza ou razas autóctonas
galegas, pola Comunidade Autónoma de Galicia. Son accións obxecto destas
subvencións a creación ou mantemento dos libros xenealóxicos e as que se
deriven do desenvolvemento do programa de mellora oficialmente recoñecido para
a raza.
Neste acto, a conselleira sinalou que no
contexto destas políticas, a explotación no monte comunal de Nebra (Porto do
Son) ten un carácter exemplar, xa que aproveita os avances en I+D para poñer en
valor este tipo de producións gandeiras.