A cerimonia de entrega das acreditacións da
sexta promoción dos Embaixadores Honorarios da Marca España xa ten data, terá
lugar o 12 de novembro na cidade de Madrid. O Camiño de Santiago foi designado Embaixador
Honorario da Marca España o pasado ano na categoría de Relacións
Institucionais, por un prestixioso xurado integrado por numerosos
representantes de empresas asociadas ao Foro de Marcas Renomeadas Españolas
(FMRE), de diversas institucións da sociedade española, así como por altos
representantes da Administración Pública española.
Segundo o xurado, a Ruta Xacobea foi elixida
para formar parte deste prestixioso grupo por converterse nunha icona de España
coñecida e recoñecida internacionalmente. O xurado destacou a gran
popularidade do Camiño que atrae cada ano a miles de turistas e peregrinos de
todo o mundo, os cales, a través do mesmo, se familiarizan e vinculan de por
vida á cultura e á gastronomía españolas.
O Foro de Marcas Renomeadas Españolas co apoio
e a colaboración do Alto Comisionado do Goberno para a Marca España, concede
estas acreditacións aos Embaixadores Honorarios da Marca España con carácter
bienal, ao obxecto de ofrecer un recoñecemento público a aquelas persoas ou
institucións españolas que ao longo da súa traxectoria profesional contribuíron
e contribúen significativamente a reforzar a imaxe de España no mundo.