O Goberno de España vén de anunciar a emenda
dos Presupostos Xerais do Estado a través da que dotará para o exercicio 2016 a
cantidade de 1,5 millóns de euros como apoio e reforzo ao Plan Director
Estratéxico do Camiño de Santiago en Galicia 2015-2021. Esta decisión ten a súa
orixe na petición expresa que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo,
trasladou este verán ao presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, nun encontro
de traballo na comunidade galega, para que os orzamentos estatais recolleran
unha partida en aras de acadar unha mellor restauración e acondicionamento
medioambiental dos Camiños de Santiago.
Esta emenda, presentada hoxe no Congreso dos
Deputados, responde á importancia do Camiño de Santiago no ámbito cultural,
económico e relixioso. Un itinerario que conta xa con doce séculos de historia
e que no vindeiro Ano Xacobeo 2021 poderá recibir máis de 460.000 peregrinos
grazas aos esforzos na súa conservación, difusión e promoción.
A capitalidade da ruta xacobea foi
certificada o pasado 5 de xullo no marco da 39ª sesión do Comité do Patrimonio
Mundial celebrada en Bonn (Alemaña) coa inclusión dos Camiños do Norte na Lista
do Patrimonio Mundial da UNESCO. Dúas das catro rutas que acadaron este
recoñecemento transitan por Galicia como son o Camiño da Costa e o Camiño
Primitivo, ademais do Camiño Lebaniego (Cantabria) e o vasco-rioxano. Deste
xeito, os dous itinerarios galegos súmanse a declaración do Camiño Francés,
recoñecido en 1993.