Preséntase o vídeo promocional `Descubrindo Monforte de Lemos´

O Alcalde, José Tomé, a Concelleira de Cultura, Marina Doutón e o produtor da cinta, Iván Patiño, presentaron “Descubrindo Monforte de Lemos”, o vídeo promocional da cidade realizado por Amanita Films.

Na rodaxe do vídeo, dirixido por Luís Avilés, empregouse a técnica do drone, e participaron dous cámaras da produtora monfortina. O obxectivo da cinta, segundo Iván Patiño, era “xuntar a Monforte, ver a cidade unida remarcando a través dos seus monumentos que é un sitio que hai que coñecer, ó que hai que ir. Nese sentido, a mensaxe final “Ven e coñécenos” quere ser un chamamento a todo o mundo para que veña visitar Monforte”.

A cinta, de case catro minutos de duración, percorre a cidade a través do seu patrimonio, dos espazos emblemáticos, destacando elementos distintivos como o viño ou o tren e conta coa participación de boa parte da sociedade monfortina: centros educativos, clubs deportivos e asociacións locais. Tamén interviñeron axentes da Policía Local, os bombeiros e membros da Coral municipal. Tódolos participantes aparecen na imaxe final, de grupo, na praza da Compañía. 

Iván Patiño destaca a importancia da colaboración de todo o mundo “iso foi o mellor, xa que tódolos estamentos cos que falamos acudiron á nosa chamada, tanto na primeira como na segunda convocatoria”.

A gravación tivo que realizarse en dúas sesións no mes de marzo porque o primeiro día a chuvia impediu rematar o traballo, e houbo que convocar outra xornada máis adiante. A música do vídeo tamén ten selo monfortino, xa que é da autoría da banda Violet Magic Cloud. O tema titúlase “Metaphors on the rocks”.

Está dispoñible nesta ligazón: https://vimeo.com/136216837