Turismo de Galicia participa esta fin de
semana na Festa da Ribeira dos Museos ou
Museumssurferfest de Frankfurt, o festival cultural ao aire libre máis
grande de Europa e un dos eventos máis populares de Alemaña no que está
previsto que se rexistre unha afluencia en torno aos 3 millóns de visitantes.
O evento, cuxo obxectivo é combinar arte,
cultura, música e gastronomía ten lugar nun espazo dominado polo río e os
museos da cidade, nunha época do ano na que Frankfurt ofrece a súa mellor cara.
Ademais dos stands e carpas expostos ao longo do paseo e dos espectáculos que se
celebran ao longo das tres xornadas, os visitantes teñen a oportunidade de
acceder aos museos da cidade por medio dun pase válido de tres días a prezo moi
reducido.
A participación de Turismo de Galicia
desenvolverase da man de Turespaña a cal coordina a participación de España no
evento a través da OET de Frankfurt.
O recinto denominado Spanien am main im Museusurferfest contará con distintas carpas e
un escenario. Galicia estará presente no mesmo cun stand propio de información
turística e mais coa actuación de Cristina Pato que será a encargada de tocar
na inauguración oficial do evento e fará un total de sete actuacións durante os
tres días que dura o festival.