O programa dos trens turísticos, que cumpriu
este ano a súa terceira edición, percorreu sete rutas temáticas diferentes que
permitiron descubrir diferentes zonas de Galicia dunha maneira única
incrementando a competitividade da nosa comunidade como destino turístico.
Así, os trens turísticos percorreron a Ruta
dos Faros, a Ruta dos Pazos e Xardíns Históricos e as cinco Rutas do Viño polos
distintos territorios onde se producen as denominacións vitivinícolas galegas:
Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro, Monterrei e Valdeorras.
Os sete itinerarios estiveron constituídos
nesta terceira edición por 57 trens que ofertaron un total de 2.524 prazas, 74
prazas máis que o pasado ano.
A Ruta do Viño da Ribeira Sacra foi a que
rexistrou unha maior demanda ao acadar unha ocupación do 100% en todos os seus
percorridos. Concretamente, esta ruta tivo oito saídas dende comezos de xuño
cun total de 434 viaxeiros.
O tren da Ruta do Viño Valdeorras-Ribeira
Sacra finalizou cun 96,4% de ocupación. Pola súa parte, a Ruta dos Pazos e os Xardíns
Históricos finalizou a principios de setembro co 88,8% de ocupación nas cinco saídas
que se produciron dende o mes de xullo.
En canto a Ruta dos Faros, cun total de vinte
saídas, tivo unha ocupación do 86,8%. Foron mais de cincocentas persoas as que
puideron gozar das fantásticas paisaxes que se poden descubrir con este tren
costeiro polo norte de Galicia.
En relación ao resto das rutas -a dos Viño
Rías Baixas, Ribeira-Rías Baixas e Monterrei- roldaron unha ocupación do 70%.
En total estas tres rutas aglutinaron a mais de 600 viaxeiros e dezaseis
saídas.