Galicia, referente en Bruxelas no eido da acuicultura e a pesca costeira artesanal

A Unión Europea elixiu a Galicia como referente na aposta pola acuicultura e a pesca costeira artesanal. A nosa Comunidade foi protagonista do seminario Investimento azul - Apoio da UE ás rexións marítimas, organizado pola Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesqueiros da Comisión Europea (DG MARE), en colaboración coa Conferencia das Rexións Marítimas Periféricas (CPMR). Esta cita estase a celebrar hoxe en Bruxelas e nela participa a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, quen explicou as claves de Galicia no impulso ao eido marítimo-pesqueiro.

Rosa Quintana explicou as medidas do futuro plan de acción do desenvolvemento, competitividade e sustentabilidade da pesca artesanal en Galicia. Entre elas destacou o deseño dun plan de emprego e formación, a elaboración de plans de mellora da comercialización de determinados recursos e o impulso de marcas de calidade e/ou denominacións de orixe. Para o período 2014-2020 Galicia contará con 158 millóns de euros do FEMP no eixo 1 de Fomento da Pesca Responsable.

En relación á diversificación da actividade pesqueira, marisqueira e acuícola, a titular de Medio Rural e Mar puxo como exemplo aos Grupos de Acción Costeira. Sinalou que entre 2007 e 2013 a Consellería do Medio Rural e do Mar aprobou 427 proxectos dos GAC por un importe de 25,2 millóns de euros, que xeraron máis de 250 postos de traballo e destináronse a apoiar proxectos relacionados coa mellora da comercialización e transformación de produtos do mar, o turismo, a hostalería e a recuperación do patrimonio. Para este eido (Eixo IV de fomento de emprego e cohesión territorial) Galicia contará no marco do FEMP con 60 millóns de euros.


No ámbito da acuicultura, Galicia emprega a máis de 6.000 persoas e xerou o ano pasado un valor económico de máis de 170 millóns de euros con máis de 246.000 toneladas de produción. Para o fomento sustentable desta actividade a nosa comunidade contará  con 128 millóns de euros do Fondo Europeo Marítimo Pesqueiro (FEMP) para o período 2014-2020.