O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou a iniciativa
do Grupo Popular pola que se insta á Xunta a reclamar ao Ministerio o
compromiso de habilitar máis cota de bocarte para a flota galega do cerco que
faena en augas ao sur de Fisterra.
Segundo explicou o voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose
Manuel Balseiro, mediante esta iniciativa pretenden facerse eco dunha demanda
formulada polo propio sector, a través da Comisión Sectorial do Cerco do
Consello Galego de Pesca, que os populares queren que se asuma como propia e se
traslade ante as mesas de negociación abertas co resto das Comunidades
Autónomas e o Goberno central.
Máis en concreto, reclámase á Secretaría Xeral de Pesca do
Ministerio que cumpra o seu compromiso de asinar, no reparto da cota correspondente
a España no TAC de anchoa, unha reserva anual dun 10 por cento da cota prevista
na zona CIEM IXa (do sur de Fisterra ao Golfo de Cádiz) para a súa pesca en
exclusiva polos buques de cerco con porto base en Galicia.