A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Concelleira de
Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentaron
este mércores no Salón de Plenos a programación oficial do San Froilán 2015,
que terá lugar do 3 ao 12 de outubro, “unha cita moi especial e importante para nosa cidade”, tal e como a definiu a
rexedora.
“O San Froilán 2015 engloba máis de 200 actividades en
total para todos os públicos durante os 10 días que duran estes festexos
declarados de Interese Turístico Galego e Nacional”, avanzou Méndez, quen
lembrou que o San Froilán “pon en valor a riqueza patrimonial, histórica e
gastronómica da cidade e sitúa a Lugo no mapa turístico autonómico, nacional e
internacional”.
“Máis de 50 actuacións teñen denominación de orixe Lugo”,
destacou Lara Méndez, ao tempo que anunciou que o Concello impulsará o Camiño
Primitivo, declarado Patrimonio da Humanidade, con actividades como o concerto Músicas no camiño dos cantaurotres David
Prado e Vizcaíno, os cantares de cego do Mercado Medieval, ou a estrea do vídeo
mapping O camiño de Froilán. A
rexedora tamén fixo fincapé nas mulleres como protagonistas desta nova edición
do San Froilán ao tempo que destacou a labor do pregoeiro, Darío Xohán Cabana.
A Alcaldesa aproveitou a ocasión
para convidar aos lucenses e visitantes a gozar da cidade durante o San Froilán,
que o pasado ano reuníu en Lugo a máis de 550.000 persoas durante os 9 días que
duraron estes festexos