O alcalde de Santiago recibiu ao seu homólogo en Oroso, dentro da rolda de contactos que vén mantendo cos rexedores da comarca. Martiño Noriega e Manuel Mirás repasaron os asuntos que teñen en común os dous municipios, e amosaron o seu desexo de recuperar o vello proxecto das Vías Verdes a Compostela.
Os alcaldes de Santiago e Oroso queren reactivar un acordo que fora asinado en 2008 entre os dous concellos e que tiña como obxectivo utilizar as vías do tren actualmente en desuso, para transformalas en rutas perfectas para a práctica do sendeirismo ou do ciclismo. Nos municipios de Compostela e Oroso existen 24 quilómetros destes camiños de ferro sen utilizar, e unha vez acondicionados terían un grande atractivo polo interese natural, paisaxístico e sociocultural.
Ademais, Martiño Noriega e Manuel Mirás amosaron o seu desexo de colaborar na posta en valor das beiras do Tambre e da Área Recreativa do Refuxio.