A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, reiterou a importancia que ten o sector da horta en Galicia como fonte de emprego e asentamento de poboación no medio rural. Así o destacou no marco dunha xuntanza que mantivo cos directivos da Sociedade Cooperativa Horsal, de Cambados, antes de asistir ao seu Xantar Anual de Confraternización.
En Galicia hai 850 explotacións profesionais de horta baixo cuberta, con preto de 150 hectáreas de superficie de invernadoiros e existen arredor de 1.100 ha de superficie ao aire libre dedicadas ao cultivo comercial, ás que compre engadir 600 máis de cultivo de faba e grelo. En xeral, os principais cultivos hortícolas en Galicia son a leituga, cunha produción anual aproximada de 3 millóns de exemplares/ano; o tomate, cunha produción duns 700.000 Kg/ano; o feixón verde, cuns 500.000 Kg/ano e os pementos, cuns 240.000 Kg/ano.
En relación ao sector, cabe destacar que está formado por unha ducia de cooperativas específicas de horta e algunha outra de leite que tenta diversificar a súa produción incorporando a comercialización dos produtos de horta. O conxunto das cooperativas abrangue preto de 650 socios e arredor de 175 hectáreas de cultivo. Existen tamén varias Sociedades Agrarias de Transformación (SATs) de horta e preto dun cento de pequenas asociacións de produtores localizadas en zonas especializadas nun determinado cultivo, por exemplo o grelo.