A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico de Lugo, Ana Prieto, recolleu en Madrid o premio ao mellor monumento arquitectónico funerario de España, outorgado por votación popular ao mausoleo neogótico do cemiterio municipal de San Froilán nun concurso promovido pola revista Adiós Cultural.
A primeira tenente de Alcalde subliñou que este galardón “fortalece o posicionamento da nosa cidade como destino cultural no mapa do país”. Prieto mostrou o orgullo que supón para o Concello e os lucenses este recoñecemento, que engrosa “as distincións ao noso patrimonio histórico e cultural, o que dá boa conta dos excepcionais recursos cos que contamos na cidade e potencia, aínda máis, o atractivo turístico de Lugo”.
Neste senso, a edil destacou que o Goberno “está a facer unha aposta firme por consolidar o turismo como motor económico para crear riqueza e emprego. Apostamos por un turismo cultural, gastronómico e accesible, e esta declaración de Mellor Monumento Funerario de España axúdanos a avanzar cara esa meta”.
Así mesmo, agradeceu aos traballadores do Concello, en concreto da área de Servizos Xerais, “o esforzo, compromiso e ilusión” que puxeron para acadar este distintivo.