O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no seu despacho do Pazo Provincial a visita oficial da nova delegada da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, quen mantivo un encontro co presidente provincial para analizar os temas de cooperación que están a desenvolver as dúas administracións, provincial e autonómica, nos ámbitos do termalismo, o turismo, a cultura e as infraestruturas.
Baltar e Díaz Mouteira falaron do Plan Termal, deseñado e elaborado conxuntamente pola Deputación e a Xunta, e que sitúa a Ourense como á provincia termal de España, e tamén abordaron as infraestruturas que o goberno autonómico está a levar a cabo na provincia de Ourense, sinaladamente o novo complexo hospitalario, así como convenios que as dúas administracións asinaron estes anos e que serviron, entre outras actuacións, para facer o Plan de camiños no medio rural, actuación á que a Deputación destinou unha importante achega para que se investira en todos os concellos de Ourense, e o convenio asinado polo goberno provincial coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a realización de pequenas obras en colexios da provincia, actuación para a que a Deputación achegou preto de medio millón de euros.
Manuel Baltar informou a Marisol Díaz que nas vindeiras datas celebrarase unha xuntanza cos alcaldes dos concellos polos que pasan os camiños de Santiago na nosa provincia -a Ruta da Prata e o Camiño de Inverno-, e analizou coa delegada outros temas de carácter cultural, social e de servizos "que interesan aos cidadáns de Ourense e que levaremos a cabo conxuntamente as dúas administracións nesta nova etapa de colaboración que se inaugura coa chegada de Díaz Mouteira, unha etapa que estará presidida pola máxima colaboración e coordinación", expresou o presidente do goberno provincial.