
Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) publicados no día de hoxe, subiron tamén na nosa comunidade o pasado mes as pernoitas nun 6,8% neste caso en relación ao mes de setembro de 2014, contabilizándose máis dun millón no conxunto de Galicia.
A nivel estatal obsérvase tamén un crecemento xeneralizado dos niveis da demanda turística regrada aínda que nunha porcentaxe inferior á de Galicia, do 4,3% no relativo á cifra de viaxeiros aloxados e do 3,2% no que atinxe ás pernoitas. A nosa comunidade rexistrou no pasado mes a segunda taxa máis elevada de crecemento de viaxeiros aloxados.
O incremento da demanda produciuse polo bo comportamento dos dous grandes segmentos de mercado. O turismo nacional en Galicia incrementouse no pasado mes nun 3,6%, como consecuencia esencialmente da suba da cifra de viaxeiros españois, do 8,6% neste caso. Este incremento global do turismo nacional permitiu que a nosa comunidade acadase neste mes de setembro a cifra de demanda máis elevada dos últimos cinco anos.
Pola súa parte, o mercado internacional rexistrou un crecemento do 15,5%, tamén auspiciado por unha mellora do nivel de viaxeiros estranxeiros aloxados en Galicia, do 14,2% neste caso. Así, o turismo internacional acadou na nosa comunidade neste noveno mes do ano máximos históricos tanto de viaxeiros aloxados, con preto de 190.000, como de pernoitas, con máis de 300.000.
En setembro o 87,2% da demanda turística regrada correspondeu aos establecementos hoteleiros, porcentaxe que inclúe tanto aos hoteis, que representaron o 68,0%; como ás pensións, co 19,1% neste caso. O 12,8% restante, situouse no segmento extrahoteleiro, porcentaxe que neste caso reúne aos apartamentos turísticos, que representaron o 3,1% da demanda total; aos cámpings, co 5,9% e aos establecementos de turismo rural, que supuxeron o 3,8% neste caso.