O sector agroalimentario é estratéxico Galicia, tanto pola súa dimensión -dá emprego a máis de 30.000 persoas- como pola súa transcendencia económica e social, xa que factura máis de 10.000 millóns de euros anuais. Así o destacou a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, na sesión de apertura dos terceiros Job days da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, que se celebran en Tui organizados pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial G-NP (GNP AECT).
Esta edición do Job days está centrada no sector da agroalimentación, co obxectivo de facilitar o contacto entre empresarios e profesionais deste sector e promover a mobilidade e a colocación e contratación entre Galicia e o Norte de Portugal.
Ademais, inclúe conferencias e presentacións temáticas especializadas, sobre asuntos como “o sector agroalimentario como motor de crecemento no período de financiamento 2014-2020” e “os desafíos do sector agroalimentario no mercado laboral transfronteirizo da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”.
O primeiro job day, dedicado ao sector da metalmecánica, tivo lugar en xuño de 2014 en Tui e o segundo foi realizado en Vila Nova de Cerveira, no Alto Minho, dirixido ao sector hostaleiro.