Promoción en Canadá

Turismo de Galicia participou esta fin de semana na feira ‘International Tourism & Travel Show’ que se celebrou na cidade de Montreal (Canadá) e que cada ano rexistra unha importante afluencia de visitantes. Trátase dun certame turístico de carácter xeral, aberto tanto a profesionais como a público, onde o departamento autonómico de Turismo promocionará os principais valores turísticos da comunidade galega, dentro do recinto que instalará Turespaña.

Na asistencia a edicións anteriores comprobouse que o produto estrela da nosa comunidade continua a ser o Camiño de Santiago, seguido da demanda de información acerca doutras modalidades culturais, especialmente, arte, tradicións e gastronomía. 

O perfil dos visitantes atendidos corresponde a persoas de mediana idade -de 40 a 65 anos- cun poder adquisitivo medio-alto, que planea viaxes de longa duración, moi influídos polas conexións aéreas directas. A maioría das viaxes de lecer adoitan a ser realizadas entre xullo e outubro.

Canadá conta con dous mercados claramente diferenciados, o anglófono e o francófono, ambos de grande importancia e peso para Galicia. España é un dos destinos máis populares, xunto con Francia, Italia, Reino Unido e Alemania.