Unha misión asiática visitou Galicia no marco dos Cursos Internacionais que celebra a Universidade de Santiago de Compostela en colaboración con Turismo de Galicia. Os participantes da misión, que proceden de trece universidades de Corea do Sur, Xapón, India e Vietnam, chegaron a Galicia o pasado mércores para coñecer Galicia como destino idiomático.
A iniciativa forma parte do convenio asinado entre a Universidade de Santiago de Compostela e Turismo de Galicia para a promoción do Camiño de Santiago e o impulso do turismo idiomático, un sector clave no desenvolvemento económico e social de Galicia.
O turismo idiomático conta cada vez con máis adeptos ao ser a maneira máis eficaz de aprender un idioma de forma divertida e práctica, ao combinar a parte educativa e de aprendizaxe coa lúdica e de lecer, polo que as previsións de crecemento son cada vez maiores.
Esta tipoloxía turística e a proliferación deste tipo de usuarios turísticos ten unha gran repercusión na nosa economía xa que a súa estancia media é superior ao resto de tipoloxías, o mesmo ocorre co seu gasto medio que ao demandar varios produtos ou servizos incrementa o seu nivel de consumo.