Na súa primeira visita institucional a Mondariz Balneario, a Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde, José Antonio Lorenzo, manifestaron a súa disposición de traballar en común para desenvolver proxectos na vila,un dos referentes máis importantes do termalismo na provincia. A Presidenta informou o goberno municipal dos fondos que en 2016 recibirá a localidade, 286.605 euros, dentro da repartición do Plan Concellos realizado con criterios obxectivos e de equidade.
É a primeira vez que o Concello de Mondariz Balneario recibe fondos por concorrencia porque en 2015 unicamente tramitáronse desde a Deputación 58.546 euros para fomento de emprego mentres o resto das axudas dependeron da única vontade do anterior Presidente cos fondos de libre disposición.Silva informou igualmente o alcalde do resto dos fondos os que poderá optar o Concello dentro do Plan de Infraestruturas, Turismo, Benestar social e subvencións por concorrencia a asociacións culturais, deportivas, sociais, clubs federados, deportistas de elite etc… cantidades que non forman parte do Plan Concellos e que incrementarán aínda máis o diñeiro que chegará á localidade.
Pola súa banda o alcalde, José Antonio Lorenzo, agradeceu expresamente a Silva a súa visita á vila e, sobre todo, polo impulso que a Presidenta da Deputación garantiu para o termalismo na provincia, un plan que o alcalde de Mondariz Balneario levaba varios anos reclamando. Ambos manifestaron a súa vontade de traballar xuntos nun ambiente de máxima cordialidade que se estendeu á visita que Silva e Lorenzo realizaron xuntos ás instalacións do Palacio da auga, o Balneario e as rúas do municipio.