Formación enoturística en Valdeorras

Valdeorras acolle un curso de atención ao cliente dirixido ás adegas con oferta de enoturiosmo.O primeiro curso acaba de celebrarse no Telecentro do Concello da Rúa dirixido a 15 hostaleiros e adegueiros que se apuntaron a esta primeira actividade formativa titulada “Atención ao cliente”. O Consello Regulador de Valdeorras colabora coa Escola de Turismo Itinerante na organización dos cursos na DO Valdeorras. 

Durante o mes de decembro celebraranse os outros tres cursos e o prazo para apuntarse continúa aberto para adegueiros e hostaleiros da comarca a través da web do Centro Superior de Hostalería de Galicia. A Escola de Turismo Itinerante do Centro Superior de Hostalería de Galicia é unha entidade que depende de Turismo de Galicia e que se presentou na vila do Barco a semana pasada. 

Atendendo ás novas esixencias do turista que visita o noso territorio o programa presentado ofrécelles aos establecementos de hostalería e adegas con enoturismo a oportunidade de mellorar a xestión dos seus negocios. Na programaciónofrécense dous cursos de atención ao cliente, outro de comercialización de produto e un cuarto de redes sociais. 

As xornadas formativas gratuitas faranse no Telecentro do Centro Cultural Avenida de A Rúa os días 23 de novembro e os días 3, 10 e 14 de decembro. Serán de 4 horas cada unha delas con profesorado do Centro Superior de Hostalería de Galicia que se desprazarán ata a vila ruesa. Os interesados en apuntarse nestes cursos gratuítos teñen que enviar un correo electrónico a formacióncontinua@cshg.es co seu número de teléfono.