No pasado mes de outubro Galicia rexistrou un máximo histórico na cifra de viaxeiros aloxados na comunidade ao rexistrar un total de 401.662, un 14,9% máis que no mesmo mes do ano anterior. Nunca antes se superara a barreira dos 400 mil viaxeiros no conxunto da oferta regrada de Galicia neste décimo mes do ano.
Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) publicados no día de hoxe, subiron tamén na nosa comunidade o pasado mes as pernoitas nun 10,1% neste caso en relación ao mes de outubro de 2014, acadando preto de 750.000 no conxunto de Galicia.
A nivel estatal obsérvase tamén un crecemento xeneralizado dos niveis da demanda turística regrada, do 10,2% no relativo á cifra de viaxeiros aloxados e do 8,5% no que atinxe ás pernoitas. A nosa comunidade rexistrou no pasado mes a terceira taxa máis elevada de crecemento de viaxeiros aloxados.
O incremento da demanda produciuse polo bo comportamento dos dous grandes segmentos de mercado. O turismo nacional en Galicia incrementouse no pasado mes nun 8,4%, como consecuencia esencialmente da suba da cifra de viaxeiros españois, do 10,8% neste caso. Este incremento global do turismo nacional permitiu que a nosa comunidade acadase neste mes de outubro a cifra de demanda máis elevada dos últimos cinco anos.
Pola súa parte, o mercado internacional rexistrou un crecemento do 15,1%, tamén auspiciado por unha mellora do nivel de viaxeiros estranxeiros aloxados en Galicia, do 24,6% neste caso. Así, o turismo internacional acadou na nosa comunidade neste décimo mes do ano máximos históricos tanto de viaxeiros aloxados, con 130.000, como de pernoitas, con preto de 200.000.
En outubro o 94% da demanda turística regrada correspondeu aos establecementos hoteleiros, porcentaxe que inclúe tanto aos hoteis –que representaron o 77%- como ás pensións –co 17% neste caso-. O 6% restante, situouse no segmento extrahoteleiro, porcentaxe que neste caso reúne aos apartamentos turísticos –que representaron o 2% da demanda total-, aos cámpings –co 0,2%- e aos establecementos de turismo rural –que supuxeron o 3,7% neste caso-.