Promoción da Deputación da Coruña dos viños do Branco Lexítimo das Mariñas

O presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, durante a visita que realizou ás Bodegas Beade, no concello de Paderne, acompañado do alcalde da localidade, César Longo, confirmou que a Deputación da Coruña promocionará no Pazo de Mariñán os viños da Identificación Xeográfica Protexida (IGP) Branco Lexítimo das Mariñas betanceiras. 

A visita enmárcase na rolda de contactos que o presidente provincial está a realizar con empresas coruñesas para “coñecer directamente os sectores produtivos da nosa provincia e as nosas capacidades e potencialidades e ver cómo a Deputación pode achegar o seu gran de area na recuperación económica e a xeración de emprego”.

Durante o percorrido pola bodega, os seus responsables explicaron o proceso de elaboración do viño, que conta cunha produción anual limitada a 3.000 botellas a partir das 2,5 hectáreas de plantación de vides das que dispoñen, situadas entre os concellos de Paderne e Betanzos, así como a súa historia e a necesidade de ampliar o espazo dedicado ao cultivo.

A visita ás bodegas tivo lugar tras a reunión que o presidente da Deputación e o alcalde de Paderne mantiveron na Casa Consistorial, e durante a que abordaron os distintos investimentos que a institución provincial ten previstos no municipio, entre eles o destino dos 323.515 euros que a localidade recibirá a través dos Plan de Obras e Servizos (POS) e o Plan de Acción Social (PAS) da Deputación.